Santa Comba | “A Xunta díxonos que faría a AC 406 con fondos propios e agora dinos que non”

2 minutes read

A directiva da Asociación de Empresarios de Santa Comba tíñalle proposta unha xuntanza á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia coa finalidade de tratar o asunto das obras de mellora da estrada AC-406 que une Portomouro coa capital xalleira. Este luns 15 de febreiro tivo lugar dita reunión de xeito telemático na que participaron por parte da Consellería, a conselleira Ethel Vázquez e o Delegado da Xunta na provincia da Coruña Gonzalo Trenor, e por parte da Asociación de Empresarios de Santa Comba, Pablo Pérez Escaríz en calidade de Vicepresidente e Alberto Romar Landeira en calidade de Presidente da mesma.

Tras a reunión os representantes da Asociación de Empresarios emitiron un comunicado no que afirman que quedaron sorprendidos ao manifestarlles que a Xunta de Galicia solicita ao Estado fondos europeos do plan de recuperación para a mellora desta estrada.

Feito polo que dende a Asociación de Empresarios piden explicacións, debido a que nun comezo se lles asegurou que a segunda fase da estrada que une Santa Comba con Portomouro se realizaría con fondos propios da Xunta de Galicia. Ditas solicitudes de explicacións deste punto veñen dadas porque desde a entidade xalleira consideran que ao realizar estos procedementos, sen contar con fondos propios da Xunta de Galicia, a execución da segunda fase podería demorarse máis tempo.

“Dona Ethel Vázquez aseguraba que a redacción do proxecto da segunda fase da mellora da estrada entre Abuín e Failde iba a estar contratada a finais do verán do ano 2018. A resposta a esta pregunta non foi clara e interpretamos que esa promesa non foi cumprida”, afirman os empresarios.

“A Consellería asegurounos agora que en xaneiro lle fixo unha petición de fondos ao Estado e que poderían ter unha resposta no mes de abril”, pero os empresarios afirman que non lles mostraron ese documento, polo que non se fían.

Independentemente da concesión ou non de ditos fondos por parte do Estado, desde a Asociación afirman que a Conselleira informounos que a redacción do proxecto continuaba levándose a cabo con fondos propios da Xunta de Galicia, aínda que dudan tamén da veracidade de ditos feitos debido a que “a hemeroteca móstranos que se asegurou que a redacción da segunda fase do vial estaría realizada a finais do verán de 2018 e tampouco foi así”.

A comezos de abril intentarán cencretar unha segunda reunión coa Consellería de Infraestruturas e Mobilidade co fin de coñecer de primeira man o estado no que se atopa dita solicitude de fondos europeos.