A partir deste venres, 10 de novembro, o concello de Santa Comba contará cun novo contrato para a xestión da recollida da fracción orgánica en contedor marrón. Apostando polas empresas do municipio e logrando o fito de abaratar custes para acadar unha xestión máis eficiente e sostible, a corporación liderada por Alberto Romar asinou coa empresa Transportes y Servicios S. Antelo S.L. un acordo cuxo montante será 15.717,90 Euros, mantendo as mesmas condicións e abaratando así en case 30 mil euros o contrato anterior, que ascendía a 43.345,50 Euros.
Nunha aposta clara pola reciclaxe eficiente e pola xestión sostible dos servizos municipais, a corporación xalleira reforza o compromiso adquirido dende a firma do convenio con SOGAMA. Mediante programas de sensibilización medioambiental e achegando recursos a todas as parroquias, o concello pretende que o que foi implantado en 2021 como un programa se converta nunha realidade diaria e estable: no núcleo urbano ampliarase o acceso aos contedores marróns facilitando a chave para o seu uso a quen o desexe e, por primeira vez, empezarán a ofertaranse composteiros nas parroquias, así todo veciño que estee interesado nestas posibilidades poderá solicitalas acudindo ao departamento de Medio Ambiente ou chamando ao número telefónico do mesmo (663729154).
O alcalde Alberto Romar quere facer bandeira da xestión “efectiva e eficiente destinada a toda a veciñanza. O que precisamos é achegar recursos tendo en conta unha xestión sostible en todos os sentidos: por un lado velando polo medio ambiente, e por outro prestando especial atención aos recursos económicos”. O mandatario xalleiro amosase moi satisfeito co aforro que representa este novo contrato e recalca que “os cartos aforrados serán moi benvidos para poder ser reinvestidos en servizos sociais ou obras”.