Santa Comba | Aprobado o acordo de reestruturación parcelaria de Arantón–Santa Sabiña


O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se comunica a aprobación do acordo de reestruturación parcelaria da zona de Arantón–Santa Sabiña, no concello de Santa Comba, que afecta a unha superficie de 1.515 hectáreas. 

Este paso supón a determinación dos predios de reemprazo cos novos titulares, coa superficie resultante da reorganización e coa nova clasificación da terra. Así, reorganizáronse un total de 9.489 parcelas de 1.046 propietarios en 2.051 predios, nun proceso que ata agora supuxo un investimento próximo aos 3 millóns de euros por parte da Xunta.

Contra esta resolución, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, dentro do prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación persoal ou, no seu defecto, da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.