Santa Comba | Aprobado o proxecto para executar unha senda peonil entre A Ponte e Santa Catalina

1 minutes read

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a aprobación do proxecto construtivo dunha senda peonil na estrada autonómica AC-404, entre A Ponte e Santa Catalina, no concello de Santa Comba, cun investimento autonómico que rolda os 155.000 euros. Esta actuación é susceptible de financiamento con fondos europeos FEDER React-EU.

O obxectivo é habilitar un itinerario peonil pola marxe dereita desta estrada, entre os puntos quilométricos 1,8 e 2,3, que terá continuidade nos dous sentidos coas beirarrúas xa existentes, antes e despois, do tramo obxecto da actuación.

A intervención céntrase na construción dunha senda peonil, dunha lonxitude de 450 metros e 1,8 metros de ancho, separada da estrada por un bordo e unha gabia de seguridade de 1,20 metros.

As obras proxectadas inclúen a instalación de 12,5 metros de barreira metálica sobre o muro de coieira previsto no punto quilométrico 2,2, de 8,5 metros de lonxitude, para non afectar o rego das Dornas e acadar unha mellor integración na contorna. Tamén se prevé a reposición de sinais verticais ao longo do treito.