Santa Comba busca poñerlle freo á soidade non desexada das persoas maiores

2 minutes read

O Concello de Santa Comba levou a cabo a presentación do Plan de Loita Contra a Soidade, dependente da concellería de Servizos Sociais, Igualdade e Muller, Conciliación, Benestar e Promoción da Saúde. Este plan xurde a raíz das necesidades detectadas polos servizos sociais, tendo en conta tanto a evolución sociodemográfica e o avellentamento da poboación coma os novos retos que plantexan un cambio no paradigma de intervención comunitario e na abordaxe do envellecemento.

A soidade non desexada é un fenómeno que durante os últimos anos vai en aumento converténdose nunha prioridade das áreas de benestar das institucións, administracións locais e supramunicipais.
Dende o mes de xullo do ano pasado comeza a deseñarse o plan de acción comezando polo estudo das necesidades reais, a confección do protocolo de actuación e un mapeo inicial das persoas maiores que se atopan en situación de soidade. Neste acto, presentouse a Rede de Antenas para a detección e derivación dos casos, que son o eixe fundamental para a intervención en soidade non desexada. Esta rede reúne a máis de 60 persoas de todo o termo municipal, garantindo a presenza dunha ou dúas como mínimo en cada parroquia e arredor de 20 no núcleo, sempre dende o total compromiso de confidencialidade e respecto.
Un primeiro paso para un proxecto necesario e ambicioso, tan só hai que ver as cifras das persoas soas de máis de sesenta anos en cada lugar, exemplos disto son as parroquias de San Salvador, Bazar, Montouto ou Grixoa.
Dende logo, queda moito camiño por percorrer. Será preciso repensar os servizos e actividades que se ofrecen por parte do concello e por parte das diferentes entidades para poder incluír a estas persoas que por diferentes motivos se atopan nunha situación de soidade non desexada.
Dende a corporación municipal, Estefanía Calvelo comenta que “non podemos pechar os ollos ante unha realidade que medra cada día e que repercute na calidade de vida das persoas por iso, xa estamos dando pasos elaborando este primeiro plan, implicando á veciñanza nas políticas de benestar e tamén destinando recursos para que ademais de poder identificar aquelas persoas que se atopan en situación de soidade, sexamos quen de ofrecerlles oportunidades”.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?