Este sábado 7 de outubro os establecementos de lecer nocturno de Santa Comba darán o pistoletazo de saída a unha nova tempada da xa clásica e coñecida “movida xalleira”.
Dúas decenas de locais da vila volverán poñer en marcha a maquinaria para proporcionar unha das mellores ofertas de diversión de toda a provincia: música, restauración, cocktelería, animación e moito máis brindarán a oportunidade de vivir a noite dunha forma que vén sendo referente desde hai máis de tres décadas.
“Os sábados reúnense en Santa Comba centenares de persoas que saben que poden pasalo ben nun ambiente dinámico e á vez seguro. Mozos de todas as idades danse cita aquí porque saben que poden atopar unha oferta á medida de todos os gustos. E esto é algo que desde o Concello imos apoiar e potenciar, porque ademais de ser un atractivo local tamén é un motor económico moi importante, que permite máis de cen empregos directos e outros moitos indirectos. Aos clásicos pubs e locais de lecer súmase unha rica oferta de restaurantes, bares e establecementos hoteleiros que permiten que o sábado se converta nun día especial” comenta o Alcalde Alberto Romar.
Os seguintes meses Santa Comba volverá ser o centro dunha movida que atrae xente de todas as idades que chega desde distintos puntos da provincia, por eso desde o consistorio tamén fan un chamamento ao lecer responsable, lembrando que a diversión non está rifada coa responsabilidade xa que “entre todos logramos ter unha das mellores noites de toda Galicia, por eso hai que coidala tendo sempre presente que o consumo de alcol e a condución non son unha boa combinación. Se se bebe no pobo hai establecementos para poder pernoitar e gozar de forma segura”.