Na madrugada do mércores pasado unha cadela recibiu un disparo a poucos metros de distancia que lle deixou o corpo cheo de perdigóns. E todo aconteceu diante das cortes da casa dos seus donos no lugar de Salgueiroas, en Santa Comba.
O que se coñece dos feitos e que pasadas as dúas e media da madrugada, asubiaron dende un coche para chamar pola cadela e acto seguido xa escoitaron un disparo. Cando chegaron á altura da cadela atopárona tirada e laiándose. No lugar onde lle dispararon aínda hai rastro dos impactos dos perdigóns no peche metálico. E onde aínda se deixa sentir a agresión é nas feridas da cadela, que está aínda en tratamento pola cantidade de perdigóns que ten no corpo.
Así o explica Mar Carracedo, a veterinaria que a atendeu: «Ten perdigóns como douscentos en todo o que é cabeza, extremidades dianteiras e corpo, pola traxectoria vese que o disparo foi de fronte á cadela».
Se os perdigóns levasen máis forza poderían ferila de morte. Na clínica deron a voz de alarma entre os clientes, aínda que non lles constan máis casos. Xa interpuxeon denuncia polo sucedido e a Garda Civil investiga os feitos.