Santa Comba, Negreira, Narón, Santiago, Carnota, Cedeira e Noia acollen a Copa 5×5 de Balonmán na Rúa

O Campo da Feira de Santa Comba acolleu este venres a presentación oficial da Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación da Coruña 2025, nun acto que contou coa presenza do deputado de Deportes, Antonio Leira, a deputada Mar García Vidal, a teniente de alcalde, Noelia Baleato Tojo, e o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, e representantes dos sete municipios polos que pasará o evento.

Esta iniciativa, promovida pola Deputación da Coruña desde o ano 2023, aposta por achegar o balonmán á rúa e ás familias, convertendo espazos públicos en pistas deportivas onde nenos e nenas poden iniciarse no deporte en contornas abertas, accesibles e lúdicas. Un formato pensado para impulsar o deporte base e fomentar hábitos saudables entre a mocidade.

Durante a presentación, o deputado Antonio Leira destacou que «a Copa 5×5 é un proxecto ilusionante, unha mostra do noso compromiso co deporte base e cunha provincia activa, que promove a práctica deportiva en todos os ámbitos». Engadiu que «apostamos por achegar o balonmán a todas as comarcas, dándolle visibilidade e creando oportunidades para que os máis pequenos coñezan e se acheguen ao deporte nun ambiente festivo e familiar».

A competición desenvolverase entre os meses de setembro e novembro en sete sedes da provincia:

· Santa Comba (19–21 setembro)

· Negreira (3–5 outubro)

· Narón (17–19 outubro)

· Santiago de Compostela (24–26 outubro)

· Carnota (31 outubro–2 novembro)

· Cedeira (7–9 novembro)

· Noia (14–16 novembro)

Participarán equipos mixtos das categorías benxamín e alevín (2º a 6º de Primaria), cun enfoque educativo, inclusivo e participativo.

O éxito das anteriores edicións motivou a creación de novos clubs e escolas deportivas en diferentes puntos da provincia, como Sada, Negreira, Cerceda, Oroso, Ribeira ou Zas. A actividade consolidouse como un referente a nviel nacional pola súa capacidade de dinamización e promoción deportiva.

Related posts

O presidente da Xunta participou no Interreg Cooperation Day 2025, celebrado este venres no Miradoiro de Fisterra

Carballo impulsa o programa C4S para fortalecer os negocios turísticos locais

A Xunta avalía os dous últimos proxectos desenvolvidos polo GALP Costa da Morte