Santa Comba pechou unha nova edición da súa Feira de Outono


Santa Comba acolleu desde este pasado venres e ata este domingo tres xornadas da súa Feira de Outono. O evento que vai pola súa cuarta edición estivo organizado pola Asociación de Empresarios de Santa Comba e celebrouse, como de cote, no recinto feiral da capital xalleira. Artesanía, comercio, talleres, actuacións musicais, servizos, automoción, gastronomía, hostalería e un lugar para o lecer infantil protagonizaron este feiral de outono. As ofertas eran do máis variado, pero a asistencia de público mermou en comparación con outras edicións. Algúns dos expositores achacaron a causa ao mal tempo, sobretodo este último día. Aínda que outros piden máis promoción en medios e soportes, así como máis promoción dos produtos de proximidade. “Debe ser unha feira para vender desde Santa Comba ao resto do mundo, non para traer competencia aos socios de Santa Comba”. Certo é que nunca chove a gusto de todos. En breve, a Asociación de Empresarios entrará nun novo proceso electoral para conformar unha nova Xunta Directiva.