Santa Comba tamén implantou “o marrón, o contedor que devolve vida”


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, invitou aos concellos galegos a seguir o exemplo de Santa Comba, que implantou o contedor de biorresiduos dous anos antes do prazo marcado por Europa.

Ángeles Vázquez -acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, e a alcaldesa de Santa Comba, Mª Josefa Pose- visitou o expositor de Sogama sobre o contedor marrón para materia orgánica no marco da Semana europea da prevención de residuos, e participou no reparto de parte dos primeiros 2.000 quilos de compost “certificado” producidos na planta de Cerceda.

Indicou que o esforzo deste concello, que tamén iniciaron Carballo, Cerceda, Arteixo e A Laracha, e ao que en breve tamén se sumará Oroso, é a mostra de que Galicia iniciou unha senda na que só dará pasos cara a diante para implantar progresivamente o quinto contedor, para cumprir antes do 31 de decembro de 2023 con este obxectivo.

A conselleira recordou que a Xunta non deixará sos aos concellos nesta tarefa, polo que elaborou a Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais 2022-2023, na que se recolle a rede de infraestruturas para poñer en valor estes residuos, formada por 13 plantas de transferencia –de nova creación ou adaptadas-, as plantas de biorresiduos de Cervo, Verín e Vilanova de Arousa e a de Cerceda, xa en funcionamento.

De feito, Santa Comba xa realizou – a través da empresa Coregal- o primeiro servizo de recollida de contedor marrón, que enviará a Sogama, para converter o material orgánico en compost de calidade para usar na agricultura e xardinería; é dicir, poñer en práctica o lema da campaña “o marrón, o contedor que devolve vida”.