Santa Comba | Trenor animou a solicitar as axudas para os parques empresariais


O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado pola alcaldesa de Santa Comba, María Pose, informou que está aberta a nova convocatoria de axudas para a mellora de infraestruturas dos parques empresariais galegos, á que a Xunta destina un total de 2,1 M€. Esta liña permanecerá aberta ata o 2 de febreiro e ten como obxectivo dar resposta ás novas necesidades que teñen estas instalacións co obxectivo de modernizalas e ofrecer un mellor servizo para favorecer a fixación e implantación de compañías, así como promover o emprego local.

Trenor realizou estas declaracións tras supervisar as obras de saneamento que se levaron a cabo no polígono industrial deste Concello cun investimento de 100.000 euros dos que a Xunta aportou máis de 80.000 euros.

Trenor lembrou que o ano pasado na comarca de Bergantiños-Costa da Morte a Xunta aportou máis de 290.000 euros, para a mellora das súas infraestruturas industriais o que favoreceu un investimento total de máis de 429.000 euros nos parques empresariais da Laracha, Bértoa-Carballo e no da Mezquita-A Tella en Ponteceso. Na comarca de Santiago a Xunta investiu, no 2022, máis de 786.000 euros, para a mellora dos polígonos industriais de Melide, Negreira, Ordes, Oroso, Santa Comba, Val do Dubra e Boqueixón, cuxo orzamento total ascendeu a máis de 983.000 euros.

Os apoios, para este ano, son de concorrencia competitiva están dirixidos aos concellos galegos que queiran realizar melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, instalación de sistemas de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, así como servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde.