Veciñas e veciños dos concellos afectados polos parques eólicos de Bustelo, Campelo e Toural, así como polas liñas de alta tensión que darían saída a enerxía producida cara O Mesón do Vento, concentráronse este sábado no campo da feira de Santa Comba, un dos concellos afectados.
O motivo da cita, convocada pola vecinañanza e a Plataforma NON + Eólicos Bustelo Campelo Toural, foi dar visibilidade á problemática e amosarlles, unha vez máis, á poboación en xeral en que consisten estes proxectos e as consecuencias que poden ter tanto para a veciñanza como para o medio ambiente.
No encontro, leuse un manifesto co que se lembrou que os tres parques previstos, con un total de 27 muíños de 180m de altura, en realidade todo apunta á que se trata dun só megaparque fragmentado en tres para así poder acollerse á lei de Fomento de Iniciativas Empresariais. Tamén se denunciou a situación que tería que vivir a veciñanza, xa que os muíños rodearían núcleos de poboación dos concellos de Carballo, Coristanco e Santa Comba, moi preto das vivendas practicamente enriba de explotacións gandeiras, un sector chave na zona.
Por outra banda, O proxecto sería posto en marcha na contorna da lagoa de Alcaián, onde nace a principal fonte de auga do río Xallas e sobreviven especies en perigo de extinción, algunhas, como a Centauria Ultreiae, que só se pode atopar nesta zona.
Así mesmo, a fervenza de Castriz (Santa Comba) tamén se vería afectada polo megaparque, con dous muíños practicamente ao seu carón que modificarían a súa paisaxe e alterarían a paz dunha paraxe natural única na contorna.
Ademais, o proxecto levaría aparellada unha liña de alta tensión, de preto de 40km de lonxitude, que iría dende O Campelo (Coristanco) ata O Mesón do Vento (Ordes) atravesando incluso núcleos de poboación polos concellos de Tordoia Cerceda e Carral.