Corren augas turbias para os pescadores que se moven entre o río Tambre e o río Xallas, do mesmo xeito que para os veciños e veciñas de Portomouro e Santa Comba, que estes días visibilizan unha pancarta reivindicativa na AC-406, cun reclamo claro, «Estrada Xa!, 20 anos de promesas incumpridas». A estrada que os une, a AC-406, puxo sobre a mesa o máis puro «pasotismo» político de diferentes administracións, sen que ningunha se poña colorada. Unha demanda de fai máis de dúas décadas entraba de novo en acción no mes de abril de 2019, con citas electorais ás portas, a Xunta de Galicia informaba que estaba a redactar o proxecto da segunda fase, entre Abuín e Faílde. Dous anos e medio despois, nin está nin se lle espera. Certo é que a primeira variante, de menos de dous quilómetros, entrou en servizo en febreiro de 2020, pero para unha vía de máis de 30 quilómetros, cunha alta sinistralidade e dependencia do seu uso, non é suficiente.
Lugares como Paramos, núcleo de poboación que carece de beirarrúas e onde os vehículos circulan a gran velocidade por unha estrada con varias curvas sen visibilidade e mesmo cunha parada de transporte escolar, claman por que se tomen as obras en serio. Varias reunións con diferentes colectivos e entidades xalleiras non fixeron máis que crear malestar e desconfianza entre o vencindario ante os atrasos e falta de compromiso á hora de redactar o proxecto, está claro que sen proxecto non hai obra. Unha obra que primeiro se ía a executar con fondos propios autonómicos, a Xunta agora demandaba no mes de febreiro apoio ao Concello e aos empresarios de Santa Comba para solititarle ao Goberno de España 10 millóns de euros de fondos europeos.
As reunións sucedéronse ao longo dos últimos meses, mesmo houbo cambio de Goberno local en Santa Comba, onde a actual alcaldesa, María Pose (PP), que xa gobernaba no 2019, recibiu o apoio dos altos representantes do seu partido. Sobre a mesa temas sobre melloras no centro de saúde, subministración de auga a Padreiro e os «proxectos máis urxentes». Pero o malestar na veciñanza é xeneralizado, o proxecto da AC-406, nin está nin se lle espera. Santa Comba perdoa, pero non esquece. O pobo enteiro cre unha necesidade urxente que se entregue o proxecto completo da obra da AC-406, sen máis dilaccións nin aprazamentos. »Xa sobran mentiras, largas e anos no esquecemento», afirman os prexudicados.