Esta actuación, cofinanciado polo FEDER 2014-2020 (EDUSI – REVIVE COMPOSTELA), prevé o acondicionamento de 12.050 metros cuadrados, dos que 10.000 corresponden ao ámbito sur, ríos Sar e Vilar; e 2.050 metros cadrados, ao ámbito norte, río Sarela. O obxectivo fundamental desta operación é a recuperación deste espazo natural e a súa rehabilitación para o uso e desfrute da cidadanía.
A actuación conta cun orzamento básico de licitación de 341.590,13 euros e o prazo para presentar ofertas está aberto ata o 15 de xuño ás 23.59 h.
O ámbito de actuación comprende o acondicionamento e restauración ambiental dun espazo situado baixo o viaduto da AC-543 (avda. de Xosé Filgueira Valverde) sobre o río Sarela, en Vidán, que se divide en dúas zonas: ámbito sur (Sar e Vilar), entre o xacemento arqueolóxico do Castelo da Rocha Forte e o tramo do Camiño portugués, paralelo ao río Sar entre a Ponte Vella de Arriba e o viaduto da Rocha; e o ámbito norte, que comprende o acondicionamento e restauración ambiental do espazo situado baixo o viaduto da AC-543, aos dous lados do río Sarela.
O obxectivo principal é a restauración da contorna dos ríos Sarela, Sar e Vilar, contribuíndo así ao Vector Estratéxico Patrimonial da EDUSI, mediante a mellora da accesibilidade do seu entorno inmediato e da súa calidade ambiental. Os traballos enmárcanse dentro da Liña de Actuación LA 7, destinada á recuperación e promoción do patrimonio natural.
Entre os obxectivos concretos deste proxecto figuran, ademais da recuperación ambiental; a solución dos problemas de accesibilidade mediante sendas e pontes; a creación de zonas de lecer e descanso; e a implantación de recursos de comunicación para contribuír á revalorización do espazo a recuperar.
A proposta do ámbito norte consiste en crear unha conexión entre a rúa superior e o río mediante unha serie de espazos de estancia e cunha pequena ponte peonil que conecte coa outra beira.