O concelleiro de Políticas Lingüísticas, Rubén Prol, presentou este martes a Festa do Apego, que se celebrará o venres 30 de decembro, no Auditorio de Galicia. A festa do Apego é unha excelente alternativa nestas datas de Nadal para que as familias teñan diversas opcións e poidan compartir un tempo e un espazo con outros pais e nais interesados na crianza en galego.
A programación está dirixida ás crianzas de 0 a 6 anos e ás súas familias e o horario da xornada será de 12 a 14 horas e de 16 a 19 horas. Nesta nova edición da Festa do Apego, ofreceranse unha serie de propostas que afondan en valores como a dinamización da lingua galega, a educación en igualdade e o achegamento ás diferentes artes como a danza, a música, a narración oral, o xogo e as artes plásticas entre outras.
A entrada aberta e de balde ata completar a capacidade en cada unha das actividades da xornada:
Os bebés de 0 a 3 anos poderán achegarse ao mundo da música a través do espectáculo “Sons do berce”, da compañía A Cova das Letras. A cativada tamén poderá gozar coa estrea do espectáculo “Silforiña” do grupo galego Golfiños e do concerto da mítica compañía Migallas Teatro que celebra o seu 30 aniversario na música infantil en galego e que porá o broche final á Festa do Apego. Mamá Cabra ofrecerá a derradeira función do seu espectáculo “Paxaro amigo (músicas para a paz)”, trátase dunha proposta cargada de mensaxes que inciden en construír un mundo mellor e máis xusto. Tamén haberá varias sesión de contos a cargo do Colectivo Noga. A Festa do Apego tamén ofrecerá unha serie de obradoiros e xogos de mesa para todos os públicos.