Santiago acollerá a próxima fin de semana o ‘VI Día da Galicia Exterior’


A próxima fin de semana máis dun millar de galegos do exterior, membros das diferentes agrupacións culturais dos centros galegos de todo o mundo e outros socios destas entidades, celebrarán en Santiago de Compostela o VI Día da Galicia Exterior, nunha xornada de confraternidade que comezará a primeira hora da mañá na praza do Obradoiro e rematará pasada a medianoite no paseo da Alameda.

Trátase dunha festa na que Galicia poderá desfrutar e coñecer a forma na que a cultura galega se celebra de xeito cotiá en numerosos países do mundo e nas comunidades autónomas españolas.

As actividades comezarán xa o día anterior, o venres, día 8, coa realización do último tramo do Camiño de Santiago dende o Monte do Gozo na que participarán preto de 700 dos asistentes a este evento e que comezará ás 5 da tarde.

O sábado, día 9, celebrárase o VI Día da Galicia Exterior comezando co encontro dos diferentes grupos participantes na Praza do Obradoiro e a recepción oficial por parte dos máximos representantes do Goberno galego e do Concello de Santiago no Hostal dos Reis Católicos. Posteriormente, celebrarase unha misa na Praza da Quintana e ao seu remate, os grupos asistentes percorrerán, as distintas prazas do centro histórico compostelá para realizar diferentes actuacións de baile e música galega ata chegar a Alameda, onde celebrarán un xantar conxunto.

Pola tarde, percorrerán de novo as prazas da cidade e de noite serán presentados no Parque da Alameda, onde se pechará o evento co concerto de Susana Seivane. Ao longo do día, tamén se poderá desfrutar dun paseo artesán con obradoiros na Ferradura deste parque.