Santiago acollerá esta próxima semana o I Encontro do Viño Galego

O encontro está promovido pola Asociación Hostalaría Compostela e nace co obxectivo de dar a coñecer, promover e difundir o potencial do sector. Tamén para crear un punto de encontro para as diferentes adegas, DO e IXP galegas, reunidas todas elas por primeira vez nun evento destas características.

A cita celebrarase os vindeiros 22, 23 e 24 de marzo, onde participarán os consellos reguladores das distintas denominacións de orixe (DO) e indicacións xeográficas protexidas (IXP) dos viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia nun espazo conxunto no Túnel do Viño, con máis de 200 referencias diferentes. Con esta presenza agrupada preténdese identificar o potencial do sector vitivinícola galego e poñelo en valor ante os visitantes profesionais, facéndoos conscientes da súa importancia e do seu alcance. O deseño e distribución do espazo convidará a descubrir e catar os produtos expostos, para proporcionar toda unha experiencia sensorial aos participantes grazas á calidade e diversidade dos viños, licores e augardentes.

No caso dos viños, as referencias estarán agrupadas por denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida, e diferenciadas por tipo de viño (branco ou tinto). No caso das augardentes e licores, estarán aglutinadas por indicación xeográfica. Cómpre engadir que as marcas premiadas cos Acios e cos Potes nas Catas de Galicia 2021 estarán sinalizadas e acompañadas dos queixos e meles que tamén foron premiados nesa cita. A maiores, habilitarase un espazo centrado nas Experiencias de Calidade onde se realizarán pequenas elaboracións culinarias de produtos de calidade diferenciada maridadas con viños de denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha