Santiago aposta por captar turismo de calidade dos mercados asiáticos

santiagodecompostela.gal

  • O obxectivo é captar un tipo de turismo que teña un gasto medio elevado e que fomente a desestacionalización da demanda

O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, presentaron dúas accións destinadas a promocionar a cidade nos principais mercados emisores asiáticos. A primeira é a participación na ITB Asia, que se celebra en Singapur do 16 ao 18 de outubro, e a segunda é a asistencia á feira JATA, que se celebra en Osaka do 24 ao 27.

Segundo apuntou o concelleiro, un dos principais obxectivos de Turismo de Santiago é captar un turismo de maior calidade, que complemente o turismo tradicional da cidade, achegándolle un valor engadido. O obxectivo é captar un tipo de turismo que teña un gasto medio elevado e que fomente a desestacionalización da demanda, xerando un modelo turístico máis sostible.

Segundo os datos do INE, o gasto medio por turista internacional en España no 2018 foi de 146 euros. Xapón, con 410 euros, Corea, con 353, e China, con 291, superan amplamente esta media. Neste sentido, os turistas destes tres mercados son turistas que xeran un gasto moi elevado e que ademais viaxan durante todo o ano, permitindo a desestacionalización do destino.

Coa participación nestas dúas feiras, Turismo de Santiago reforza a promoción que xa se estaba facendo nos últimos anos nos mercados asiáticos. Os datos de peregrinos no Camiño de Santiago amosan o importante crecemento que están vivindo os mercados coreano, xaponés e chinés.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha