A Xunta de Goberno local acordou este luns a segregación da parcela municipal que xa alberga o Centro de Investigación de Medicina Molecular (CIMUS) e o Centro de Biomedicina Experimental de Galicia (CEBEGA), para a cesión da superficie restante de de 3.563,53 m2 ao SERGAS co fin de construír un espazo de estacionamento para os usuarios e usuarias do Hospital Clínico.
O alcalde explicou que “será necesario facer un pequeno reaxuste nesta parcela EU-7 do Plan Parcial do SUP-5 da CHOUPANA dunha superficie 15.000 metros cadrados” que permitirá habilitar un aparcadoiro público na parte da parcela que linda coa rúa Mestre Mateo e a rúa Eira da Palleira. Con esta adaptación, “desde o Concello poñemos a disposición da Consellería de Sanidade unha parcela de máis de 3.500 m para solventar o problema e saturación do tráfico na contorna do CHUS”, engadiu. A Consellería de Sanidade contará cun prazo de seis meses para aceptar esta cesión e durante este prazo deberá presentar unha memoria xustificativa dos fins de utilidade pública e interese social do proxecto, as súas características, así como acreditar suficiencia de recursos para a tramitación da correspondente figura patrimonial por parte de Concello.
Sánchez Bugallo tamén anunciou “a entrada por rexistro da solicitude da Comunidade Autónoma para a posta en marcha do centro de protonterapia nas instalacións do CHUS” e explicou que “unha vez recibamos o anteproxecto, porémonos a traballar para preparar a autorización para a súa construción”. “A miña intención sería levar a Pleno a Declaración de Interese Xeral Municipal desta actuación e a partir de ahí, emitir o informe favorable”.