- A cidade conseguiu no 2019 máximos históricos en pernoctacións, peregrinos e pasaxeiros no aeroporto
O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, fixeron un balance da situación turística da cidade, presentando as principais expectativas para 2020. Segundo apuntou o concelleiro, «no 2019 a cidade conseguiu tres máximos históricos nas principais variables turísticas: pernoctacións nos establecementos hoteleiros da cidade, peregrinos que percorreron o Camiño de Santiago e pasaxeiros no aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro».
Nos hoteis de Santiago de Compostela rexistráronse 1.466.282 pernoctacións no 2019, segundo os datos do INE, a maior cifra de pernoctacións anuais rexistrada nunca na cidade.
Isto foi posible grazas a unha desestacionalización da demanda respecto do ano anterior. Os meses con maiores crecementos foron: abril, cun 19% mais e outubro, cun 17% máis. Pola contra, en xullo mantivéronse as cifras do ano anterior, e en agosto houbo unha lixeira baixa do 2%.
O aeroporto de Santiago tamén logrou un novo récord no ano 2019, con 2.903.427 pasaxeiros logrando un crecemento do 6,5% con respecto ao 2018.
Pola súa banda, o Camiño de Santiago tamén conseguiu no 2019 un novo máximo histórico, con case 350.000 peregrinos e un crecemento do 6% respecto do 2018.
Perspectivas para 2020
En base a estes datos, segundo dixo Sindo Guinarte, «as perspectivas para o 2020 son positivas e confiamos alcanzar novos máximos históricos». Non obstante, destacou que os dous obxectivos máis importantes dende a perspectiva da promoción turística de cara ao 2020 van máis alá das cifras concretas.
O primeiro obxectivo é consolidar o posicionamento de Santiago no Ano Santo 2021 e o segundo é sentar unhas bases sólidas para que Santiago continúe sendo unha referencia nos anos posteriores.