O Consello da Xunta autorizou licitar nos vindeiros días unha das novas promocións en Santiago de Compostela, integrada por 24 vivendas de promoción pública (VPP), por un importe total de 4,63 millóns de euros. Ademais, tamén foi informado de que se publicou na plataforma de contratos de Galicia o procedemento para adxudicar as obras doutras 12 VPP neste mesmo barrio compostelán, cun orzamento base de licitación de 2,6 millóns de euros.
Deste xeito, e unha vez licitados os 2 contratos, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) poderá adxudicar e iniciar as obras de ambas as promocións ao longo de 2024 —cun prazo de execución de ano e medio no caso do edificio de 24 VPP e de 15 meses no de 12—. Tal e como explicou o presidente Rueda, os novos inmobles adxudicaranse “en réxime de alugueiro” entre as persoas inscritas no Rexistro único de demandantes de vivenda en Santiago de Compostela, que deberán acreditar uns ingresos de entre 0,7 e 2,5 veces o Iprem (fixado en 8.400 €/ano).