‘Santiago de Compostela no Tempo’ encara os últimos días antes de despedirse este sábado

1 minutes read

Este sábado remata a exposición de Santiago de Compostela no tempo, a mostra que fai un percorrido pola orixe, historia e evolución da cidade a través dunha escolma de 100 pezas.

A exposición convida a descubrir a identidade e herdanza cultural da capital galega cun apaixonante relato que abrangue todo un universo de costumes, relacións e vivencias achegando obras de arte únicas, algunhas procedentes do estranxeiro, obxectos históricos icónicos, fotografías, gravacións ou documentación antiga. Trátase dunha selección de materiais que desvelan como se conformou a vida en Santiago ao longo do tempo a partir dos seus grandes polos: o Goberno galego, a Universidade e a Catedral xunto co Camiño.

Comisariada por Manuel Gago e instalada na sede de Afundación en Santiago, Santiago de Compostela no tempo é a primeira das sete mostras que constitúen o proxecto Cidades no tempo, unha das principais iniciativas culturais do Xacobeo 21-22 é tamén un dos proxectos expositivos máis complexos desenvolvidos en Galicia nos últimos anos. Baixo este nome reúnense sete exposicións, unha por cada unha das principais cidades galegas, que terán continuidade proximamente en Ferrol. Todas reivindican a Galicia urbana, oculta con frecuencia tras o tópico que presenta a Comunidade como un territorio exclusivamente rural.

A proposta fai posible comprender como se viviu e conviviu en Compostela ata a actualidade percorrendo distintas seccións (Mitos e OrixesTramasEscenarios ou Cidade narrada), con perspectivas procedentes de eidos do coñecemento diferentes (Historia, Arte, Urbanismo, Socioloxía…), pero tamén escoitando as voces dos seus habitantes.