Santiago | Día da Música con Caamaño & Ameixeiras, Momboi e Coolnenas DJ

1 minutes read

A terraza da sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela será na tarde deste martes o escenario da segunda edición do festival Acento, que conta co apoio da Xunta para a conmemoración do Día Europeo da Música cunha mostra da gran variedade que ofrece a escena musical galega actual da man de Caamaño & Ameixeiras, Momboi e Coolnenas DJ.

A segunda edición de Acento, de entrada libre desde o parque Vista Alegre de Santiago, dará comezo ás 19,30 h. coa actuación do dúo Caamaño & Ameixeiras, exemplo da renovación da música de raíz. O seu disco Aire! foi recoñecido co Premio Martín Códax da Música 2021 na categoría de folk e co primeiro premio no Folkez Blai de Ermua (País Vasco) o mesmo ano.

A fusión popular de Momboi soará na terraza da SGAE a partir das 20,30 h. coa súa mestura de folk, rock, ritmos latinos e tradición galega. O grupo acaba de publicar o seu primeiro disco de longa duración baixo o título Vacacións en Ornanda.

Pechará esta celebración a sesión que ofrecerá ás 21,30 h. Coolnenas DJ, desta volta en formato dúo coa viguesa Dani, quen está a ter un gran éxito con Veinte, o seu primeiro disco, e a lanzaroteña Kimberley Tell.