Santiago estreará luces de Nadal antes da ponte da Constitución

1 minutes read
  • Segundo Sánchez Bugallo, a tardanza do alumeado obedece á tardanza coa que se aprobaron os orzamentos

A Xunta de Goberno Local nomeou ós integrantes da comisión de expertos que avaliará as propostas de iluminación de Nadal. Tal como anunciou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, a intención do Goberno municipal é acender este alumeado nas vésperas da ponte do día da Constitución (6 de decembro).

Bugallo explicou que a tardanza na elección da empresa encargada do alumeado de Nadal deste ano obedece á tardanza con que se aprobaron os orzamentos. Pero a intención do Goberno local para vindeiros exercicios, apuntou, é «intentar facer a convocatoria antes do verán, para así actuar con máis prazo e ter maior dispoñibilidade de ofertas».

Unha vez sexa adxudicado o alumeado, dixo, conversarase coas asociacións de comerciantes para «harmonizar» as propostas estéticas. A municipal sairá da elección que faga un comité de expertos integrado por Lourdes Pérez Castro, arquitecta e directora técnica da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago; Javier Fernández Muñoz, xefe de servizo de Rehabilitación e Vivenda; e José Manuel González García, vicesecretario do Concello.