O ciclo de Encontros Emprendedores continúan no verán, desta volta cunha sesión sobre “As alternativas arredor da vivenda para un xubilar activo, participativo e autoxestionado” que terá lugar o vindeiro martes 22 de agosto, entre as 11 e as 13 horas no Mercado Galego da Creatividade (Creativas Galegas). A inscrición é gratuita e aberta a todas as persoas interesadas.
Esta nova cita centrarase na vivenda, unha temática central na vida das persoas que é necesario repensar. Dada a amplitude e o interese social que xera este tema, esta sesión contará coa participación de Nieves Rodríguez, da asociación Larlilás, organización autoxestionada que ten o obxectivo de materializar un proxecto de vivenda comunitaria na vellez, e de Iago Lestegás, concelleiro de Urbanismo e experto en vivenda e en calidade de vida nas ciudades tendo en conta o impacto do turismo.
Durante o Encontro Emprendedor abordaranse os inicios desta iniciativa comunitaria, os pasos para organizarse, as dificultades atopadas e tamén os acordos fundamentais para desenvolver un proxecto conxunto destas características. Este encontro tamén pretende reflexionar sobre a vellez, o benestar e os coidados, así como as alternativas habitacionais ao longo do ciclo de vida. Este novo Encontro terá lugar o vindeiro martes 22 de agosto, entre as 11 e as 13:00 horas, no Mercado galego da Creatividade (Creativas Galegas – Caldeirería 36). As inscricións están abertas e son de balde, a través deste enlace. Durante o debate, Creativas galegas ofrecerá un almorzo de produtos locais. Para máis información, podes escribir a encontrosaxendaurbana2030@gmail.com.