Santiago | O alcalde recibiu a Paul Daniel, encargado de dirixir a Real Filharmonía no concerto de Reis


Paul Daniel dirixiu este día de Reis, xa como director convidado, a Real Filharmonía de Galicia no tradicional concerto de Reis. Antes, quixo despedirse do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, no Pazo de Raxoi.

Na visita estiveron presentes tamén a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; e a directora técnica da RFG, Sabela García Fonte.

Paul Daniel ocupou ou cargo de director artístico e titular da Real Filharmonía de Galicia desde 2013. O alcalde de Santiago quixo agradecerlle en persoa o traballo realizado á fronte da institución, cuxa programación de abono “consolidou e converteuse nunha das máis orixinais e sólidas de España”.

Sánchez Bugallo tamén quixo poñer de manifesto que nesta traxectoria de dez anos á fronte da formación compostelá, o traballo do mestre Daniel destacou polo seu firme compromiso coa promoción e difusión da música feita en Galicia, pola coidada relación que desenvolveu cos diferentes axentes culturais da comunidade, pola apertura cara a novos formatos de concertos na procura de novos públicos e polo continuo diálogo con outras manifestacións musicais.