Santiago | O Gaiás despide con preto de 30.000 visitas a mostra ‘Obxectos de desexo’


A Cidade da Cultura despide este domingo a exposición Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño 1924-2020 que xa colleitou preto de 30.000 visitas desde a súa apertura no mes de abril. A mostra ofrece a posibilidade de contemplar unha das antoloxías sobre deseño contemporáneo e arte surrealista máis sobresaíntes.

Froito da colaboración entre o Goberno galego, a Fundación ”la Caixa” e o prestixioso Vitra Design Museum, este proxecto chegou a Galicia no marco do Xacobeo 21-22. Exhibe unha

escolma de 280 obras que inclúe pinturas, esculturas, obxectos ou fotografías, pezas asinadas por artistas tan significativos como Man Ray, Le Corbusier, Salvador Dalí, Giorgio de Chirico, Meret Oppenheim, Ray Eames ou Frederick Kiesler, entre outros.

Comisariada polo director do Museo Vitra, Mateo Kries, Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño 1924-2020 conta co patrocinio de Hugo Boss e o apoio de Art Mentor Foundation Lucerne. Ademais das pezas do Vitra Deign Museum, exhibe obras da Fundación Le Corbusier (París), a Fondazione Giorgio e Isa De Chirico (Roma), o West Dean College británico ou o Museo Den Bosch de Holanda.

Tras a súa estancia en Compostela, esta mostra que xa itinerou por cidades españolas como Madrid ou Barcelona, viaxará a Londres, onde poderá visitarse a partir de outubro no prestixioso London Design Museum.