Santiago, o segundo destino máis popular para os españois neste verán

Flavia Ramil e Sindo Guinarte na rolda de prensa_Concello de Santiago

  • O aeroporto de Santiago foi o segundo cunha menor caída no mes de agosto entre os primeiros 14 aeroportos de España

Santiago foi o segundo destino máis reservado en Civitatis polos turistas españois neste verán, segundo os datos desta plataforma líder na distribución en liña de actividades, excursións e visitas guiadas. O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte valorou os datos do pasado verán na cidade nunha rolda de prensa na que estivo acompañado pola xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil.

Guinarte recoñeceu que, por culpa da Covid-19, os datos turísticos do período estival estiveron lonxe dos datos dos anos precedentes, nos que se produciu un crecemento constante do turismo internacional na cidade e unha mellora na conectividade internacional do aeroporto. Os datos tamén estiveron lonxe das previsións que se manexaban a comezo do ano, cando a tendencia indicaba que sería un ano no que se poderían superar os máximos históricos na cidade.

Sen embargo, o concelleiro quixo destacar que, neste contexto tan difícil, Santiago foi capaz de resistir mellor que a media española, amosando a súa fortaleza e atractivo como destino turístico. Neste sentido, Guinarte subliñou que o aeroporto de Santiago foi o segundo cunha menor caída no mes de agosto entre os primeiros 14 aeroportos de España.

Os datos de pernoctacións do verán publicadas polo INE tamén confirman a maior resistencia de Santiago con respecto á media española. No mes de xullo, a baixada en Santiago foi do 66,2%, fronte a unha baixada media en España do 73,4%. No mes de agosto, a baixada en Santiago reducíuse ata o 52,7%, fronte a unha baixada en España do 64,3%.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha