A Xunta de Goberno local aprobou este luns o proxecto técnico de “Rehabilitación de firmes de vías urbanas 2023”, que conta cun orzamento de 385.535,10 euros, IVE engadido, e cun prazo de execución de catro meses. Tamén deu luz verde ao expediente de contratación do servizo de dinamización do Espazo Apego cun orzamento base de licitación de 223.686,55 euros. De todos os asuntos deu conta en rolda de prensa a alcaldesa Goretti Sanmartín.
Goretti Sanmartín explicou que a proposta do departamento de Obras contempla actuacións en nove vías do ámbito urbano do Concello de Santiago: rúa da Presa, rúa de Pilar Miró, rúa de Campo de Santa Isabel, rúa de Vite de Abaixo, avenida das Burgas, rúa de San Caetano, rúa do Tambre, rúa da Casa da Hedra e travesa da Casa da Hedra. En total, intervirase sobre unha superficie aproximada de 17.780 m2. Ademais, as melloras levaranse a cabo en rúas polas que discorren tramos do Camiño de Santiago ou baixo especial protección.