- Destacou o traballo altruísta dos voluntarios para reforzar os servizos de emerxencias da comunidade e lembrou o apoio da Administración autonómica a estas agrupacións con case 18 millóns investidos nos últimos anos.
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, estivo en Carballo para coñecer as necesidades do Servizo Municipal e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil. A xornada de traballo comezou cunha xuntanza na Alcaldía. Xunto a Evencio Ferrero, o Concello estivo representado polo concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, e a concelleira de Contratación, Milagros Lantes; mentres que por parte da Xunta tamén asistiu o subdirector xeral de Planificación e Protección Civil, José Antonio Grandas, e pola banda de Protección Civil asistiron José Luis e Juan Barca.
Nesta primeira toma de contacto realizouse unha exposición da situación actual do servizo e das necesidades, fundamentalmente no que respecta ao proxecto de acondicionamento da nave que se utiliza como almacén e garaxe, situada na esquina da avenida da Cristina coa rúa Xasmíns, e na que o Concello de Carballo vén de realizar un investimento de máis de 80.000 euros na renovación da cuberta.
Precisamente ese edificio foi o segundo destino do director xeral, que puido coñecer de primeira man tanto o resultado do investimento realizado como as melloras pendentes. Santiago Villanueva aproveitou a visita para poñer en valor as achegas realizadas pola Xunta de Galicia, que cifrou en 71.500 euros nos últimos anos. A estancia do director xeral en Carballo rematou na base de Protección Civil.