Saúde Pública acorda non atrasar a segunda dose das vacinas


A Comisión de Saúde Pública acordou continuar administrando as segundas doses das vacinas contra a covid-19 tal e como marca cada farmacéutica, co que se descarta espaciar os tempos para inmunizar un maior número de persoas, segundo informaron fontes autonómicas. A Comisión estudou un documento que incluía a proposta de atrasar 6 e 8 semanas a segunda picada de Pfizer e Moderna a menores de 79 anos co fin de inocular o soro canto antes ao maior número de persoas aínda que a inmunización fose parcial. “A estratexia actual de vacinación é a que se vai seguir aplicando cos intervalos de doses que había: 21 días para Pfizer e 28 para Moderna” dixo a ministra de Sanidade, Carolina  Darias, na Comisión de Sanidade e Consumo do Senado, onde informou das medidas para adoptar na xestión da pandemia.