Scrubb sobre a bucina trae o delirio a Obradoiro


Unha canastra inverosímil de Thomas Scrubb sobre a bucina arrinca a vitoria de Obradoiro en Sar. Co partido en táboas, a última posesión de 19 segundos finaliza co canadense vestido de heroe e anotando unha canastra forzadísima tras penetración pola esquerda. A cara de estupefacción do seu defensor, Pau Ribas, quen acabo rendido ao talento final do xogador Obradoirista a pesar de estar ben de pernas e facer unha boa defensa que provocou un tiro moi forzado, dio todo. Primeira vitoria do conxunto galego ante o Joventut de Badalona por 93 a 91. Partido correspondente á segunda xornada da liga ACB, disputado este venres 24 de setembro ás 19 horas, nun Multiusos Fontes do Sar que contou cuns aproximadamente 2.000 espectadores, debido ás restricións de aforo marcadas pola pandemia.

Comezou o encontro cun Joventut, nesta ocasión vestido de branco, dominando a pintura con Tomic (11 puntos, 5 rebotes e 3 de valoración) e o MVP do partido, a ex Obra Brodziansky (18 puntos, 7 rebotes e 20 de valoración), letais. Seria advertencia dos pivotes verdinegros que levaban o marcador a un perigoso 2-12 no ecuador do primeiro cuarto. A pesar de todo, respondeu ben Obradoiro quen a pesar de fallar 6 triplos no cuarto, atopou o seu caudal anotador e deixaba o luminoso en 13-14 no minuto 7. Con todo, un novo arreón da Penya pechaba o primeiro acto cun claro 17-22. No segundo cuarto parecía que os de Carles Durán poñían terra polo medio, 17-28 tras un 0-6 de parcial que estiraba aínda máis a vantaxe visitante. Ademais, producíase o susto nunha caída de Zurbriggen, que finalmente non tivo consecuencias podendo o arxentino continuar sen problemas.

Paradoxos do baloncesto facían que Obradoiro, que presentaba un expediente inmaculado no erro con 8 fallos de 3 puntos, cambiáseo súbitamente, pasando a anotar os 6 seguintes de forma consecutiva: Beliauskas (12 puntos, 3 rebotes, 3 asistencias para asinar 18 unidades de valoración) e Hobbs (11 puntos, 2 rebotes, 7 asistencias e 13 de valoración) por partida dobre, xunto con Muñoz e Robertson cun por cabeza protagonizaban o festival da liña de 6,75, deixando o tenteador nun exiguo e esperanzador punto abaixo con 37-38 no minuto 18. Para acabar finalmente remontando e empatando o encontro a 45 a falta de 48 segundos. E aínda puido ser mellor, de anotar Álex Suárez o último triplo do segundo cuarto, que saíu practicamente de dentro. Táboas con 47-47 e ambos os conxuntos enfilando o túnel de vestiarios. Tras o descanso, Obradoiro anotaba a primeira canastra do terceiro cuarto e adiantábase por fin no marcador, 49-47. Resposta inmediata de Joventut por mediación do seu sensacional lanzador Brandon Paul (17 puntos, 5 triplos, 2 rebotes e 12 de valoración) quen co seu triplo de excelente mecánica de tiro, devolvía a vantaxe aos visitantes, 49-50 e marcaba a senda da escapada.

Apareceu Ellenson (17 puntos, 5 rebotes, 2 asistencias e 17 de valoración) cunha penetración con valor e conseguindo un 2+1 que reducía a vantaxe verdinegra a 4 puntos, 56-60 a 6:27. Con todo, tras o terceiro triplo de Brandon Paul no minuto 24, poñíase en serio en perigo a vitoria local cun inquietante 56-63. Obradoiro encomendouse á garra e o clamor dun Sar, que a pesar de estar mermado polo covid19 (só permítese o 40% do aforo) cumpriu e xogou o seu particular partido, ruxindo con bravura como outrora e insuflando ánimo aos seus, onte vestidos de azul, quen sentiu o seu alento e traducírono en nova remontada. En especial Scrubb (12 puntos, 5 rebotes e 15 de valoración), quen asumiu a responsabilidade de liderar unha remontada que culminaría un triplo de Álex Suarez, poñendo o 64-63 no minuto 28. De aí ata o final do terceiro cuarto os desaxustes defensivos foron tónica dominante e o marcador pechaba o período con 70-69, tras canastra de Tomic que capturou o rebote previo. Comezaba o asalto final con ambos os equipos nun vaivén de sensacións e coa alternancia no marcador xa consolidada como tónica do encontro. Neste maremágnum de xogo apareceu a excelsa figura do veterano capitán Álvaro Muñoz (15 puntos, 1 rebote e 12 de valoración), quen con catro triplos, dous deles consecutivos, postulaba Obradoiro como candidato a levar a vitoria final. Mesmo parecía que este ía producirse sen sobresaltos e cunha renda que dese tranquilidade aos de Compostela. Especialmente cando como colofón a unha excelente circulación de balón de Obradoiro e con 85-81, Muñoz cravaba o triplo que disparaba a renda a 7 puntos.

O marcador sinalaba 88-81 e 4:32 para o final. Como non podía ser doutra maneira, Joventut agarrouse ao encontro. Os tiros libres comprimían o marcador. Mentres nos instantes finais, os de Badalona ( Brodziansky e Pau Ribas) acertaban, os galegos erraban. *Álex Suarez fallou 3 de 4, 2 deles co partido igualadísimo, facendo máis sangue na ferida aberta do tiro libre con outros 2 previos que Birutis, tamén fallara. Dentro xa do último minuto e con 91-91 e balón para Joventut, Brodziansky perde un balón que o instant replay ratifica para Obradoiro. 19 segundos por xogar e a lousa de Moncho entra en acción. O movemento para Scrubb píllalle por sorpresa e mal colocado. A pesar de todo ve opción de penetrar pola esquerda, un dos seus puntos fortes, logrando anotar a canastra decisiva sobre a bucina. Delirio e éxtase en Sar que vía recompensado o seu sufrimento coa vitoria in extremis e con canastón dun Scrubb ben defendido por Ribas.

Canastra de crack que outorga aos de Santiago a súa primeira vitoria en liga tras 2 xornadas, facendo máis levadío e liberando de presión a viaxe a Madrid para enfrontarse ao todopoderoso Real Madrid este domingo ás 20 h. Sen dúbida, vitoria épica cimentada no acerto exterior de 3 puntos con 15 obradoiristas por 9 da Penya e a pesar de que a porcentaxe badalonés foi do 50%, mellor que o santiagués dun 45,45%, anotar 6 máis se traduce en 18 puntos. Este feito non debe deixar sen revisión os defectos graves como os tiros libres, que ben puideron custar o encontro 10/16 por 18/20 e errados en momentos clave. Non tanto así foi o capítulo dos rebotes, onde a pesar de capturar 2 máis os visitantes, 28 por 26, houbo máis igualdade.

ALEJANDRO LUIS OTERO JAMARDO