SEA aborda en Pontedeume a situación do chan industrial no municipio

1 minutes read

A xerente de “Suelo Empresarial del Atlántico” (Sociedade Mercantil Estatal), Beatriz Sestayo, reuniuse este luns co alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, para analizar a situación industrial da localidade e a demanda empresarial existente. Na reunión, celebrada a pedimento do alcalde e desenvolvida no Concello, abordouse a necesidade de chan industrial na localidade e a situación de distintas xestións vinculadas ao polígono de Vidreiro.

Beatriz Sestayo coincidiu con Bernardo Fernández nas oportunidades que se abren para o emprego e o desenvolvemento socio económico da comarca tras o inicio da construción en Navantia Ferrol das fragatas F-110, que xerarán 9.000 empregos nunha década. Neste contexto, destacaron a necesidade de profundar en ofrecer alternativas de chan industrial, atractivas para diferentes tipoloxías de empresas, e en mellorar a oferta dispoñible. Suelo Empresarial del Atlántico, entidade dependente maioritariamente do Ministerio de Transportes a través de Sepes, xa xestiona 13 polígonos industriais en Galicia e dispón de importantes bolsas de chan, nas que se está analizando o desenvolvemento de novas áreas, como é o caso de Leixa, en Ferrol.

Tras a reunión, Beatriz Sestayo destacou o potencial específico de Pontedeume, ante a súa proximidade tanto a Ferrol como á Coruña, e á existencia de importantes industrias xa asentadas no municipio, como Leite Celta. Ademais, a xerente de SEA comprometeuse a analizar as cuestións expostas polo alcalde, co que manterá novas reunións proximamente.