A entidade “Suelo Empresarial del Atlántico”, (SEA), organismo estatal dependente do Ministerio de Transportes a través de Sepes, animou aos empresarios a investir nos polígonos que xestiona na Costa da Morte, nos que se ofrece unha histórica oferta de chan en Dereito de Superficie, unha fórmula próxima ao alugueiro con opción a compra, que permite ás empresas instalarse sen ter que adquirir a parcela. Trátase dunha importante aposta para favorecer a implantación de novas empresas, con parcelas, nalgúns casos, cun custo de 75 euros ao mes, sistema que deu xa resultados moi destacables en diferentes polígonos.
En concreto, “SEA” oferta 15.882 metros cadrados en Dereito de Superficie en Malpica, por cantidades que oscilan desde os 75 euros aos 100 ao mes. En Cee son catro as parcelas dispoñibles, que suman un total de 8.712 metros cadrados e en Vimianzo ata 25 (30.042,45 metros cadrados), e con prezos desde os 88 euros mensuais, por parcelas de máis de 1.000 m².
En total, a oferta en Dereito de Superficie na Costa da Morte alcanza os 64.636,45 m², e permite aos interesados optar tanto por este sistema como o de adxudicación habitual, de forma simultánea se están interesados en varias parcelas. As empresas que opten polo Dereito de Superficie poderán mesmo adquirir a parcela, posteriormente, con descontos nas súas cifras totais. Esta opción permite ampliar posibilidades nuns polígonos da Costa da Morte que, con todo, están a mostrar un crecemento sostido nestes últimos anos.
Contabilizando tamén o polígono da Laracha, durante 2021 “SEA” chegou a adxudicar ata 65.760 metros cadrados nas súas áreas industriais da Costa da Morte, o que supón o triplo de exercicios anteriores, cun despegamento claro en áreas como a de Cee. En cifras económicas, as empresas investiron nestas zonas industriais ata 4,7 millóns de euros tan só en chan, o que repercutirá a curto e medio prazo nunha importante creación de postos de emprego.
A xerente do ente, Beatriz Sestayo, incidiu en que se trata dun ambicioso plan para seguir impulsando os parques empresariais de “SEA” en Galicia, que se suma á intensa xestión, a colaboración institucional e a promoción desenvolvida nos últimos meses, que permitiron que, en só tres anos, alcanzáronse acordos con máis de 60 empresas.