SEA aproba unha oferta de solo por menos de 100 €/mes nos polígonos de Vimianzo, Malpica e Cee

Reunión SEA_Cedida.

A entidade “Suelo Empresarial do Atlántico” (SEA), organismo estatal dependente de Sepes a través do Ministerio de Transportes, acaba de aprobar unha histórica oferta de solo en Dereito de Superficie. Trátase dunha fórmula próxima ao alugueiro con opción a compra, que permite ás empresas instalarse sen ter que adquirir a parcela.

Tras os bos resultados obtidos nestes dous últimos anos, a xerente de SEA, Beatriz Sestayo, presentou no último Consello de Administración o novo plan de comercialización, que foi aprobado por unanimidade, e que recolle unha oferta total de 106.100 metros cadrados en Dereito de Superficie, repartidos en 7 parques empresariais, entre os que se encontran o de Vimianzo, Cee e Malpica, ademais de Muros, Catoira, Vilanova de Arousa e Mondoñedo.

Nalgúns casos, supón duplicar a oferta anterior e ofrecer máis da metade do espazo dispoñible neste réxime, que permite a unha empresa comezar a traballar no polígono empresarial, con toda a seguridade xurídica correspondente, por menos de 100 euros ao mes. Desta forma, pódese aprazar o desembolso económico da adquisición da parcela aos seguintes anos ou ben optar por comprar o solo. A cantidade abonada descontaríase parcialmente no momento da compra. Ademais, en todos os casos, as parcelas ofertadas en Dereito de Superficie tamén seguen podendo adquirirse baixo o réxime habitual.

VIMIANZO, CEE E MALPICA

No plan de comercialización aprobado, unha das maiores ofertas en Dereito de Superficie, como xa avanzara a xerente, Beatriz Sestayo, prodúcese no polígono de Vimianzo. En total, ofrécense 24 parcelas, que supoñen unha superficie total de 30.039 metros cadrados, con prezos desde os 88 euros mensuais durante as primeiras anualidades.

Do mesmo xeito, tamén se realiza unha importantísima aposta polo polígono de Malpica de Bergantiños, no que se duplica a oferta existente, ata alcanzar máis da metade de todo o parque empresarial. En concreto, ofrécense 14 parcelas, que suman 15.822 metros cadrados, desde os 75 euros mensuais.

Na zona da Costa da Morte, Suelo Empresarial do Atlántico tamén segue centrando os seus esforzos no polígono de Cee, no que neste semestre xa se adxudicaron cinco parcelas, 15.000 metros cadrados, por preto dun millón de euros. En Cee son 4 as parcelas dispoñibles (8.712 metros cadrados en total).