SEA celebrou en Vimianzo unha xornada de asesoramento empresarial

1 minutes read

Este luns celebrouse en Vimianzo a “Xornada de asesoramento individual” para informar sobre o Parque Empresarial e as súas posibilidades de negocio, organizada polo Concello de Vimianzo e Suelo Empresarial do Atlántico, na que participan técnicos de SEA e a sua xerente, Beatriz Sestayo, así como a alcaldesa de Vimianzo Mónica Rodríguez o arquitecto municipal.

Ata un total de 16 empresas recibiron atención individual durante un espazo de media hora, para despexar dúbidas administrativas ou urbanísticas, relativas a cuestións como o terreo útil de cada parcela, aos requisitos urbanísticos ou ás dotacións coas que conta a área empresarial. A iniciativa responde o compromiso adquirido en setembro pola xerente de Suelo Empresarial do Atlántico, Beatriz Sestayo e a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez Ordóñez, de buscar fórmulas que permitan impulsar un polígono industrial estratéxico na Costa da Morte e que xa suscitou o interese de distintas empresas.

Coa posta en marcha desta primeira Xornada de Asesoramento na propia localidade de Vimianzo Suelo Empresarial do Atlántico, coa fundamental colaboración do Concello, trata de achegar a información aos empresarios interesados, establecendo leitos de interlocución directos, co obxectivo prioritario de favorecer a instalación de novas naves industriais.

O Parque Empresarial de Vimianzo está desenvolto sobre unha superficie bruta de 335.000 metros cadrados, dos que 169.236 destínanse a parcelas de distinto uso para dar cabida a todo tipo de actividades empresariais.