SEA constata que o polígono da Laracha supera o 82% de ocupación

1 minutes read

O polígono e parque empresarial da Laracha, un dos 13 que xestiona a sociedade estatal “Suelo Empresarial del Atlántico” (SEA) en Galicia, xa supera unha ocupación do 82%, tras lograr atraer a importantes empresas nestes tres últimos anos. Así o puxo de manifesto a xerente de SEA, Beatriz Sestayo, na visita que realizou este martes para coñecer as novas instalacións do Grupo “J. Esmorís e Hijos”, coincidindo coa celebración do 25º aniversario da compañía, vinculada ao sector da construción. Beatriz Sestayo quixo poñer en valor o traballo que están a desenvolver os responsables da compañía, José Esmorís e María Jesús Pérez, que “a base de talento e esforzo, están a crear postos de emprego na nosa terra”.

Ocupación superior ao 82%

A xerente de “SEA” sinalou que esta nova nave é un exemplo do crecemento que está a experimentar o polígono e parque empresarial, no que a ocupación xa supera o 82% e que se converteu nun referente empresarial e industrial en Galicia, con compañías como Inditex, Abelas Alexan, Esmorís ou, proximamente, Unifersa.

Neste ano 2022 xa se adxudicaron outros 2.633 metros cadrados (catro parcelas), entre outros, ao Grupo Esmorís e Hijos e a Cabliseña. En 2021, chegáronse a adxudicar ata 48.603 metros cadrados ao Grupo Revi e a unha empresa de construción da Coruña, entre outros.

O parque empresarial da Laracha dispón dunha superficie bruta de 825.249 metros cadrados e neta de 537.925 e ofrece espazo para aloxar empresas do sector industrial e terciario.