A xerente de SEA (Suelo Empresarial del Atlántico), Beatriz Sestayo e o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, reuníronse para continuar axilizando a tramitación da ampliación do polígono industrial, que alcanza unha ocupación do 80% e para o que se constatou unha importante demanda de chan de distintas tipoloxías.
A reunión, xunto con técnicos de SEA e do Concello, desenvolveuse unha vez que se conta cos informes pendentes da Consellería de Industria e de Augas de Galicia, nos que a Xunta de Galicia axilizou a tramitación, que afectan o plan da futura ampliación. A previsión inicial establece o desenvolvemento doutros 316.000 metros cadrados máis de chan para o polígono.
Tanto a xerente de SEA como o alcalde destacaron o espírito de colaboración entre ambas as administracións e puxeron en valor os bos resultados do parque empresarial, que sumou a importantes empresas nestes últimos tres anos. Actualmente, quedan dispoñibles parcelas que oscilan entre os 1.200 e os 21.000 metros cadrados, tanto de uso terciario, como mixto e industrial, e permítese a posibilidade de agrupar parcelas para adaptar así a oferta á diversa demanda existente.