A xerente da Sociedade Estatal “Suelo Empresarial del Atlántico, SEA”, Beatriz Sestayo, reuniuse este martes co novo alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, para analizar a necesidade de chan industrial na comarca. Na reunión, celebrada na sede de “SEA” en Santiago de Compostela, participou tamén o concelleiro de Urbanismo, Xosé Lois Piñeiro.
No encontro, no marco das reunións previstas coas novas corporacións municipais, Beatriz Sestayo reiterou o seu compromiso coa creación de novo chan industrial na Pobra, ante o esgotamento dos terreos dispoñibles no polígono da Tomada e a demanda existente.
Ambas as administracións apostaron por traballar de forma conxunta para dar resposta ás necesidades de chan da zona.
O alcalde da Pobra e o edil de Urbanismo comprometéronse a valorar as distintas opcións que se expoñen para facer chegar as súas propostas de forma concreta a “SEA”.
A última ampliación do polígono da Tomada, acometida por “SEA”, atraeu a empresas como Congalsa e Alicrusa, e a diversas compañías vinculadas, en gran medida, ao sector pesqueiro, conserveiro e de conxelado de peixe.