SEA/Goberno | A conexión do polígono de Vimianzo coa Autovía é responsabilidade da Xunta

Cedida.

Nunha xuntanza que tivo lugar este xoves entre a xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, e a subdelegada do Goberno en A Coruña, Pilar López-Rioboo, ambas coincidiron na necesidade de que a Xunta de Galicia acometa a ligazón co polígono industrial de Vimianzo desde a futura Vía de Altas Prestacións prevista como prolongación da Autovía da Costa da Morte AC-432. En xuño de 2020 SEA xa presentou alegacións ao proxecto, debido a que a titularidade sobre a Autovía da Costa da Morte e a súa prolongación, ao non constar que forme parte da Rede de Estradas do Estado nin ter condición estatal, é autonómica. O parque empresarial de Vimianzo está executado na súa integridade desde 2011, conforme ao Proxecto Sectorial establecido nese momento. Pola súa parte, a titularidade de viais, zonas verdes e espazos libres é municipal.