Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) publicou na Plataforma de Contratación do Sector Público e na súa páxina web a licitación das obras de urbanización correspondentes á Modificación Puntual número 1 do proxecto sectorial do parque empresarial de Cee, cun orzamento basee de 933.878,86 euros, IVE incluído.
A actuación contempla tres ámbitos diferenciados, con intervencións destinadas a mellorar os accesos, a mobilidade e a integración paisaxística do parque empresarial.
A primeira zona comprende a reurbanización da contorna da glorieta de acceso desde a estrada autonómica, situada no extremo sur do parque. Os traballos permitirán adaptar este espazo á normativa vixente e ás directrices da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), ademais de incorporar actuacións de humanización e integración paisaxística na contorna da glorieta e as paradas de autobús.
A segunda intervención céntrase na remodelación do vial de conexión entre o parque empresarial e a estrada AC-552. O proxecto prevé ampliar a plataforma deste acceso, eliminar as beirarrúas existentes e habilitar un carril bici, co obxectivo de mellorar as condicións de circulación e reorganizar este espazo viario.
Por último, as obras inclúen o acondicionamento do camiño histórico que atravesa o parque empresarial en dirección este-oeste. A actuación contempla a súa pavimentación, o tratamento axardinado dos bordos, a instalación de sistemas de drenaxe e iluminación e a conexión do seu trazado mediante un itinerario peonil.
As tres intervencións están recollidas no proxecto de urbanización da Modificación Puntual número 1 do proxecto sectorial do parque empresarial de Cee e permitirán mellorar tanto a accesibilidade como a integración dos distintos espazos do ámbito empresarial.
O prazo de presentación de ofertas finaliza o 13 de novembro de 2026, ás 12.00 horas. As empresas interesadas poden consultar as condicións de contratación e a documentación do expediente na Plataforma de Contratación do Sector Público e na páxina web de SEA.
O parque empresarial de Cee conta cunha superficie bruta de 201.782 metros cadrados, dos que aproximadamente 106.805 metros cadrados corresponden a parcelas destinadas a diferentes usos e actividades empresariais.
