O Consello de Administración de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), celebrado a semana pasada, acordou a actualización do orzamento para a licitación das obras de mellora e humanización do parque empresarial de Cee, que supoñerán un investimento conxunto de máis dun millón de euros.
O proxecto contempla tres actuacións principais: a reurbanización da contorna da glorieta de acceso ao parque, a remodelación do vial de conexión coa estrada autonómica AC-552, que incluirá a ampliación da plataforma e a incorporación dun carril bici, e o acondicionamento do camiño histórico que atravesa o parque de leste a oeste, con pavimentación, zonas
axardinadas, iluminación e un itinerario peonil accesible.
As obras contan cun orzamento base de licitación de 933.878,86 euros, IVE incluído, e terán un prazo de execución previsto de cinco meses. A esta cantidade súmanse 76.681,33 euros correspondentes aos servizos de dirección facultativa, control de calidade, seguridade e saúde e seguimento arqueolóxico.
O proxecto incorpora actuacións de humanización e integración paisaxística, con novas zonas verdes e medidas de aforro e eficiencia enerxética, co obxectivo de mellorar a contorna e a accesibilidade do parque empresarial.
«Neste momento xa existen varias actuacións en marcha que van lanzar unha paisaxe urbanística completamente diferente nun prazo relativamente breve», explica a xerente de SEA, Beatriz Sestayo.
A responsable de SEA destaca tamén a importancia da colaboración co Concello de Cee: «A nosa intención non é só promocionar o emprego e o asentamento de empresas, senón a colaboración cos concellos nos que xestionamos polígonos, porque só así conseguiremos que o desenvolvemento se faga efectivo».
Estas actuacións súmanse á mellora da señalética realizada nos últimos meses coa instalación dun tótem informativo que recolle as empresas instaladas no parque empresarial.
O parque empresarial de Cee conta cunha superficie bruta de 201.782 metros cadrados, dos que aproximadamente 106.805 metros cadrados corresponden a parcelas destinadas a diferentes usos e actividades empresariais.
