A xerente de “Suelo Empresarial del Atlántico” (SEA), Beatriz Sestayo, e técnicos da entidade estatal desprazáronse a Vilanova de Arousa (Pontevedra) para coñecer en profundidade o proxecto de construción da nave que “Vinova Group” poñerá en marcha en xaneiro de 2023, tras o investimento de 24 millóns de euros e que chegará a mobilizar en obra ata a 350 persoas.
O inicio das obras da nave frigorífica e de elaboración de “Vinova”, propietaria tamén de “Conxelados Cíes”, reflicte o éxito da estratexia desenvolvida pola nova xerencia de “Suelo Empresarial del Atlántico” para Vilanova de Arousa. A compañía instalarase en cinco das parcelas ofertadas en Dereito de Superficie, que suman 19.229 metros cadrados. A fórmula, a modo de alugueiro con opción a compra, permitiu así impulsar un polígono que estaba practicamente paralizado.
“Anunciabamos que ía haber un antes e un despois nos nosos polígonos e comeza a notarse, xa vemos os camións, as obras e xa hai postos de traballo creados, serán ata 350 nalgún momento e coincidirán coas obras tamén de Sogama durante este ano”, destacou Beatriz Sestayo, que incidiu na futura creación non só de emprego directo senón tamén indirecto, a través de compañías auxiliares ou de transporte. Ademais, confirmou que se “se xerou dinámica de demanda deste polígono, que se está consolidando, e no que esperamos seguir dando boas novas, desde a prudencia e a confidencialidade, durante este ano 2021”.