SEA presentou en Muros o plan de impulso ao seu polígono industrial

1 minutes read

A xerente de “Suelo Empresarial del Atlántico” (Sociedade Mercantil Estatal), Beatriz Sestayo, presentou á alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, o programa lanzado pola entidade para atraer novos investimentos ao polígono empresarial e favorecer ás empresas o acceso ao chan, ampliando o espazo dispoñible en Dereito de Superficie, con custos desde 65 euros mensuais, e rebaixando o prezo final de venda neste concepto. Na reunión no Concello participaron tamén o director comercial de SEA, José Rey e a concelleira de Economía, Maica González.

En concreto, “SEA” ofrece un total de 30.000 metros cadrados, ata 40 parcelas, en Dereito de Superficie, duplicando a superficie ofrecida anteriormente. En canto ao custo, hai cantidades ofertadas desde 767 euros anuais (64 euros mensuais) para parcelas de 465 metros cadrados. Pero ao ampliar as parcelas dispoñibles, as opcións son múltiples, ao poder escoller tamén parcelas de máis de 1.000 metros cadrados. Ademais, inclúense agora superficies terciarias e non só industriais. Tamén se mellora a localización e, como exemplo, ofrécese unha mazá completa situada na vía principal do polígono.

A maiores, “Suelo Empresarial do Atlántico” rebaixou o custo final da parcela (no caso de que o propietario estea interesado en adquirila, antes de cinco anos ou, con prórroga, dez anos), sobre o que se reduce un 25% a cantidade que se pagou durante a etapa de alugueiro. As condicións tamén implican maiores vantaxes. As empresas interesadas terían tan só que abonar tres meses de fianza (ao redor de 200 euros) para reservar a parcela e terían de prazo para asinar ata finais de ano.