SEA vende unha nova parcela de 1.200 metros no polígono da Laracha


A xerente de “Suelo Empresarial del Atlántico”, Beatriz Sestayo, asinou este mércores a venda de 1.200 metros cadrados (unha parcela) do parque empresarial da Laracha á empresa Cabliseña, de electricidade e creación de espazos lumínicos. Desta forma, a compañía de Paiosaco, que actualmente conta con seis empregados, poderá dispoñer de novas instalacións no polígono industrial, segundo explicaron os responsables da compañía. Beatriz Sestayo puxo en valor o dinamismo e o potencial desta área industrial, que xa pasa o 80% de ocupación e que nos últimos tres anos supuxo a xeración de preto de 400 empregos.