Seaga detectou 1.375 parcelas sen limpar no Concello de Cerceda

2 minutes read

O Concello de Cerceda informa de que, no marco do convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga, ao que Cerceda está adherido, detectáronse 1.375 parcelas que non cumpren a normativa de xestión da biomasa para a prevención de incendios forestais preto das aldeas.

Seaga elaborou un informe tras revisar o estado de cumprimento das parcelas que se atopan na área de protección das poboacións, isto é, a unha distancia inferior a 50 metros das áreas cualificadas como núcleo rural. Nestas zonas, os titulares dos terreos deben cortar e retirar toda a maleza e as especies arbóreas máis combustibles coma piñeiros, eucaliptos, toxos, silvas ou fentos.

Neste documento constátase que no concello de Cerceda hai 1.375 parcelas que non cumpren os requisitos de limpeza, polo que xa se están a enviar as respectivas notificacións por correo postal aos propietarios. En ditas cartas infórmase da superficie afectada e faise unha estimación provisión do custe económico das actuacións a realizar.

O Concello subliña a importancia de cumprir a normativa vixente en materia de limpeza de fincas e lembra que as multas por non facelo poden ir dende os 100 ata os 100.000 euros se a situación se cronifica. O Concello de Cerceda ponse a disposición dos propietarios afectados, que poden acudir á casa consistorial para informarse sobre cuestións como a localización da parcela que incumpre a normativa, a área afectada e o procedemento que se seguirá para acometer os traballos oportunos.

Estes traballos de prevencións son moi importantes á hora de loitar contra os incendios forestais. Ao haber menos combustible no monte, os servizos de extinción de incendios teñen máis doado combater os posibles incendios que se poidan producir e, ademais, é unha forma efectiva de protexer ás aldeas das lapas e evitar que os veciños poidan vivir situacións de perigo.