- O Concello pon a disposición dos propietarios afectados unha oficina para axudar cos trámites
O Concello da Laracha está adherido ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública de servizos agrarios Seaga para a protección das aldeas en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais.
En virtude do mesmo, Seaga realizou unha revisión íntegra do estado de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa nas parcelas que se atopan nesa área de protección, é dicir, a unha distancia inferior a 50 metros das áreas cualificadas como núcleo rural. Nesas franxas de seguridade ideadas para evitar a propagación do lume, os titulares dos terreos deben cortar e retirar a maleza e as especies arbóreas máis combustibles como os pinos, eucaliptos, acacias, toxos, silvas e fentos.
O informe constatou incumprimentos nun total de 849 parcelas, e ditas notificacións están a ser remitidas aos seus titulares por correo postal. Nesa comunicación infórmase da superficie afectada e unha estimación provisional do custo económico das actuacións a realizar.
O Concello pon a disposición dos titulares afectados unha oficina de atención ao público no edificio administrativo da Laracha (Avenida Fisterra, 60) para informar sobre a localización da parcela que presenta o incumprimento da normativa galega, a área afectada e o procedemento que se seguirá para acometer os traballos oportunos. Pódese solicitar cita previa chamando ao teléfono 981 612 811.