Segue aberta a convocatoria do programa ‘Aprol Economía Social 2022’

1 minutes read

O programa Aprol Economía Social, que este ano xa está convocado, segue co prazo aberto ata o próximo 30 de setembro.

Con esta iniciativa autonómica outórganse apoios directos  a cooperativas e sociedades laborais, por unha banda, e a persoas desempregadas (socias ou traballadoras destas entidades ou de empresas que se transformen nelas) , por outra, para dinamizar un sector que ven demostrando enorme resiliencia ante circunstancias económicas adversas.

As axudas artéllanse a través de dúas liñas compatibles entre si. A primeira -destinada a fomentar o emprego en cooperativas e sociedades laborais, favorecer a constitución da entidade ou a incorporación de novos socios- supuxo un investimento de case 2,5 millóns de euros o ano pasado e a concesión de 158 apoios. No caso da liña 2, que promove o acceso á condición de persoa socia, financiando as achegas económicas que estas deben desembolsar ao capital social, superou os 2,1 millóns en 2021 con 316 axudas concedidas.

Con estas liñas, preténdese fomentar a creación de emprego en cooperativas e sociedades laborais desde dúas perspectivas: a da entidade que incorpora e a da persoa que accede ao sector, polo que se acada un impulso integral.

Aprol Economía Social, contribúe, tamén, á incorporación das persoas desempregadas ou traballadoras como socias nas cooperativas ou sociedades laborais galegas mediante a consolidación de fórmulas de autoemprego colectivo co que se avanza na xeración de emprego, na mobilización de recursos ou na corrección de desequilibrios comarcais e na fixación de man de obra produtiva, entre outros beneficios.

O programa establece ademais a posibilidade de acceso ás axudas para aquelas cooperativas ou sociedades laborais que proceden da reconversión ou transformación de empresas mercantís, cando incorporan como socias traballadoras as persoas que tiñan unha relación laboral estable na empresa de orixe.