Segue aberto, ata o día 30, o prazo para solicitar axudas para financiar proxectos empresariais


A nova convocatoria do programa Galicia Inviste, promovido pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación a través do Igape, ten aberto ata o vindeiro 30 de setembro o período de solicitudes, ofrecendo, como principal novidade este ano, a posibilidade de que os beneficiarios soliciten de modo conxunto axudas e préstamos para o financiamento de proxectos, na procura de potenciar deste xeito o mantemento e creación de emprego, a innovación e o impulso de novas iniciativas empresariais.

Neste marco, o programa contempla tres grandes liñas de actuación: unha centrada nos proxectos de investimento empresarial, outra que atende a iniciativas de mellora do sector de aloxamento, e unha terceira que pon o foco en investimentos en equipamento produtivo.

Na primeira liña promóvese a creación de novos establecementos, a ampliación da capacidade dos existentes, a diversificación da súa produción e os cambios nos procesos globais da propia produción. No relativo ao sector de aloxamentos, apoiarase a creación de novos establecementos hoteleiros, a ampliación da capacidade dos existentes e a súa modernización. E no eido do equipamento produtivo, facilitarase a ampliación de capacidade dun establecemento existente e os investimentos en bens de equipamento. 

Os apoios cobren proxectos desde 25.000 ata 900.000€ no caso da terceira liña -e desde 50.000 ata 900.000 € nas outras dúas-, chegando ao 35% dos investimentos no caso das pequenas empresas, e ao 25% para as medianas. Aquelas solicitudes que teñan un investimento subvencionable superior a 500.000€, poden pedir un préstamo parcialmente reembolsable para o seu financiamento, correspondéndose o tramo non reembolsable coa axuda concedida.

Estes datos reflicten o compromiso da Xunta de Galicia co tecido empresarial, en particular coas pequenas e medianas empresas e cos autónomos, na procura de facilitar o aceso a axudas e financiamento que precisan para realizar os seus investimentos e potenciar así o xeración de emprego, a innovación e a creación e posta en marcha de proxectos empresariais.