Segue aberto o prazo de axudas para desenvolvemento de pequenas explotacións rurais


O delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou a instalación, Horta de Bértoa, unha das beneficiarias da orde de incorporación de mozos en 2012 e executou un plan de mellora no 2017, para informar que dende o pasado 21 de maio e ata el 20 de xuño, está aberta a convocatoria para solicitar as axudas de apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas (coñecidos como plans de mellora), para a creación de empresas por persoas agricultoras mozas e para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galicia 2014_2020.

Este ano o orzamento desta orde ascende a 42 millóns de euros: 14 millóns de euros para a incorporación de mozos e mozas á actividade agraria, 25 millóns de euros para o apoio aos investimentos en explotacións agrícolas (os chamados plans de mellora) e 3 millóns de euros para o desenvolvemento de pequenas explotacións.

No que se refire ás achegas para a incorporación de persoas mozas, a subvención concederase pola execución dun plan empresarial e consistirá nunha contía básica establecida en 20.000 euros, que poderá incrementarse en determinados casos dependendo, por exemplo, do volume de gasto dedicado á posta en marcha da nova explotación, da creación de emprego adicional a tempo completo ou do feito de instalarse nunha zona con limitacións naturais ou doutro tipo.

O importe da axuda para os plans de mellora será do 30% dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 50% en función de criterios como o feito de ser agricultor/a mozo/a, por realizar un investimento de carácter colectivo, por desenvolver actuacións en zonas con limitacións ou por executar accións relacionadas con medidas agroambientais e coa agricultura ecolóxica, entre outros.

No que respecta ás pequenas explotacións, a achega ascende a 15.000 euros e concederase pola execución dun plan empresarial, que terá unha duración de 18 meses dende a aprobación da mesma. Os interesados nestas axudas teñen ata o 20 de xuño. No que respecta ás bases, mantéñense sen cambios respecto ao ano anterior.